Alexandre Bóveda naceu en Ourense o día 4 de xuño de 1903. O seu pai
era carpinteiro e a súa nai costureira. Alexandre era o terceiro de sete
irmáns.
Estudou a primaria nunha escola anexa á de Maxisterio; despois fixo cursos de peritaxe mercantil no colexio dos irmáns Villar.
Comezou a preparar as oposicións á Facenda. Na primeira tentativa
errou. As seguintes preparounas en Ourense e na Academia Reus en Madrid.
Conseguiu o número 1 nas oposicións a Auxiliares de Contabilidade do
Estado, cando tiña só 20 anos.
Pasou catro anos da Delegación
de Facenda de Ourense. No ano 1924 pide o destino para Pontevedra, onde é
designado Xefe de Contabilidade da Facenda.
Na Coral
Polifónica, de que formaba parte, coñece a que sería a súa esposa,
Amalia Álvarez Gallego, con que casou o día 20 de outubro de 1930.
O día 5 de decembro de 1931 foi fundado en Pontevedra o Partido
Galeguista, do cal Alexandre farío parte desde o inicio. Alexandre
Bóveda foi nomeado Secretario de Organización. Segundo Castelao, Bóveda
era o “motor de explosión” do partido. Conseguiu crear un partido de
masas, que pasou de 700 a 3000 persoas afiliadas en pouco tempo.
O día 3 de xuño de 1932, a Asemblea de Concellos de Galiza encarregou a
nove ponentes a redacción do anteproxecto de Estatuto de Autonomía.
Alexandre Bóveda foi, durante seis meses, o principal impulsor do
anteproxecto. Nel demostrou con cifras incontestábeis que a política
fiscal do Estado discriminaba a Galicia.
O día 19 de decembro
de 1932 foi aprobado co voto favorábel dun 77% dos delegados. O Goberno
Central autorizou a realización dunha consulta popular sobre o Estatuto.
Debido á chegada do bienio negro (1934-35), Castelao é desterrado a
Badaxoz e Bóveda a Cádiz. O Partido Galeguista reséntese. Na segunda
metade do ano 35 Alexandre consegue traslados a Madrid, a Vigo e, de
novo, a Pontevedra.
O triunfo da Fronte Popular nas eleccións de
febreiro de 1936 posibilita a realización do plebiscito para a
aprobación do Estatuto de Autonomía, que se realizaría o día 28 de xuño
dese ano. Foi aprobado con case o 99% dos votos dos galegos.
O día
19 de xullo de 1936 maniféstase o golpe militar en Pontevedra. Bóveda,
que estaba co gobernador civil, é detido. Coincidiu no cárcere de
Pontevedra con compañeiros como Victor Casas, director d´A Nosa Terra.
O día 13 de agosto celébrase o xuízo militar sumarísimo, do cal saíu condenado a morte.
Na alba do día 17 de agosto de 1936 foi fusilado na Caeira, ao pe dún
groso piñeiro, dun tiro no corazón. O cadáver foi soterrado no cemiterio
de Santo Amaro, en Pontevedra.
Especialmente emotivas foron as palabras de Castelao, algúns anos despois:
“A miña saúde aínda quixo visitar devotamente os moitos cemiterios de
Galiza, onde durmen os derradeiros mártires da Liberdade, en número
incontábel. A miña imaxinación viu unha fogueira en cada cemiterio, como
outros tantos clamores de xustiza. Pero no de Pontevedra viu unha
labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do esprito de Bóveda que non
figura na Santa Compaña dos inmortantes, porque non pertence á Historia
senón á Tradición, en arume de lenda. Bóveda terá de ser nun mañá
próximo ou lonxano a bandeira da nosa Redención.”
En lembranza
de Bóveda, os exiliados galegos de Buenos Aires decidiron celebrar o día
17 de agosto como “Día da Galiza mártir”. Para el e para todos os
mártires galegos, escribiu Castelao que "querían enterrar cadavres, pero
enterraban semente”.
Enterraban semente, e de boa calidade, como se mostra na derredeira carta de Alexandre:
“Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos
xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio.
Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola
República”
Desde a nosa asociación Ahaztuak 1936-1977 alí
estaremos cos irmáns galegos, irmáns na lembranza da nosa xente e das
nosas loitas pola Liberdade, na Galiza e tamén na nosa terra, Euskal
Herria.